Saturday 20 de April de 2024

O BOP publica a aprobación definitiva do suplemento de crédito que permitirá destinar 585.000 euros a investimentos


O orzamento municipal deste ano xa supera os 12,7 millóns de euros, preto do 50 % máis que a previsión inicial.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe a aprobación definitiva do expediente de modificación de crédito 02/2022 sobre o orzamento municipal vixente. Faise unha vez superado o correspondente período de exposición pública e sen terse rexistrado ningunha reclamación durante ese prazo.

Dito expediente, por un importe de 585.155,22 euros, fora aprobado con carácter inicial polo Pleno na sesión ordinaria celebrada o pasado 28 de xullo. Con estes fondos executaranse actuacións de interese xeral municipal tales como a renovación integral do complexo da piscina municipal e o ximnasio, adquisición de terreos en Paiosaco para novos espazos dotacionais, xa contemplando como primeira actuación a construción dunha pista polideportiva descuberta, a achega municipal para a reforma do centro sociocultural da Insua (Caión), a adquisición tanto dos terreos necesarios para ampliar o punto limpo da Laracha como dos que se requiren para incrementar os espazos públicos xunto ao pavillón de Xermaña (Caión) e as redaccións dos estudos técnicos para a posta en valor da carballleira de San Fins e do Plan Especial do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón.

A incorporación aos presupostos municipais deste expediente de crédito, así como de outros suplementos de crédito e créditos extraordinarios no que vai de ano, dos remanentes de crédito do exercicio anterior e, entre outras operacións, as achegas procedentes da participación no Concello en convocatorias de axudas doutras administracións, supoñen un incremento substancial nos orzamentos deste ano 2022.

A día de hoxe as contas do exercicio en curso sitúan o estado tanto dos gastos como dos ingresos nos 12.700.127,17 euros. A previsión inicial para os orzamentos anuais municipais, aprobada en xaneiro, era de 8.618.000 euros, que agora presentan un incremento próximo ao 50 %, o que pon de manifesto a prudencia e cautela do goberno local no momento da elaboración das contas.